14 febreiro 2024

Puntualizando a Darwin


Aínda que a teoría evolutiva máis coñecida é o darwinismo, non é a única vixente na actualidade. Existe outra teoría menos coñecida chamada teoría do equilibrio puntuado ou puntualismo.

Esta teoría foi proposta polos paleontólogos Stephen Jay Gould e Niles Eldredge, e a súa principal diferenza co darwinismo é a forma na que evolucionan as especies. Para o darwinismo, as especies evolucionan gradualmente, mentres que para o puntualismo esta evolución é puntuada e fraccionada, con períodos de cambio e períodos sen cambios significativos.

A teoría do equilibrio puntuado é unha teoría que trata de explicar os procesos de evolución observando o rexistro fósil de diferentes especies. No rexistro fósil, a evolución de varias especies é, ao contrario do evolucionismo gradual de Darwin, abrupta en practicamente todos os lugares do mundo; non se atoparon formas transitorias. Polo tanto, para Eldredge e Gould, as especies permanecen sen cambios durante longos intervalos de tempo para ser substituídas por novas especies rapidamente.

Segundo esta teoría, a evolución ocorre en fases:

  • Estase: unha poboación de calquera especie está en estado de estase, vive, crece e morre.
  • Illamento: unha parte da poboación está illada, creando condicións ambientais diferentes ás anteriores.
  • Selección intensa e cambio rápido: estas novas condicións provocan a necesidade de evolucionar para adaptarse ás novas condicións e sobrevivir.
  • Falta de conservación: debido ao rápido cambio e á súa localización illada, non se conservan fósiles de formas de transición.
  • Reintrodución: Volven xuntarse a parte da poboación que evolucionou e a que non evolucionou.
  • Expansión e estase: a parte que evolucionou vese favorecida pola selección natural e a parte que non evolucionou se extingue.
  • Conservación: Consérvanse fósiles da poboación evolucionada.
Esta teoría explica a escaseza de fósiles de formas transitorias e a súa vez non se opón ao evolucionismo de Darwin só puntualiza un dos puntos da súa teoría.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

A CHEGADA DA PRIMAVEIRA E O GRAN CAMBIO

Ca chegada da primavera, chega a revolución dentro dos nosos organismos. Pero qué é todo isto? Como se forma a chegada da puberdade ao noso ...