Antiga vida en Marte? Posible vida en Marte? Futura vida en Marte? Preguntas con, ou sen resposta?
Marte, tamén chamado "planeta vermello" sendo desta cor polo ferro oxidado que ten no solo, é o cuarto planeta do Sistema Solar respecto á súa proximidade ao Sol. Forma parte do grupo de planetas rochosos ou interiores.
Foi creado polo Big Bang, unha explosión que deu lugar ao comezo do universo. Como resultado da gravidade, os restos da explosión comezaron a colapsarse entre eles dando lugar ao Sol. Posteriormente a gravidade atraeu ao resto de partículas agrupándoas en corpos máis grandes, formando os planetas, e polo tanto, formando tamén Marte. Esas partículas eran de diferentes tamaños, por iso existen planetas máis grandes ou máis pequenos que outros. No caso de Marte, é, máis ou menos, a metade do tamaño da Terra.
Na actualidade, é un planeta seco, no que abundan as rochas, inhóspito e frío, pero no pasado foi máis cálido e estivo cuberto de auga. Diferentes probas lévannos a pensar que antigamente houbo inundacións. De feito crese que puido ser habitado uns 100 mil anos antes ca Terra.
Ademais hai indicios de que houbo vida, xa que no planeta había auga, compostos orgánicos que contiñan carbono e reaccións químicas activas que proporcionaban enerxía.
Nestes momentos hai auga principalmente no seu po xeado e nas finas nubes, e crese que pode haber unha gran cantidade de microbios resistentes, que segundo certos estudos, algúns estarían sobrevivindo baixo terra en estado conxelado.
Ao igual que o noso planeta, Marte tamén ten estacións, casquetes polares, volcáns, canóns e clima. A súa atmosfera é pouco densa e está feita por dióxido de carbono, nitróxeno e argón.
A pesar destas semellanzas, as posibilidades de poder vivir en Marte, de momento son moi baixas. Hai máis CO, pouca gravidade, unha radiación diferente á do noso planeta e perderíamos a masa ósea en dous ou tres anos.
Moitas misións chegaron a Marte coa intención de investigar e coñecer máis sobre o planeta, pero ningunha delas foi tripulada.
Proxéctase poñer astronautas na órbita marciana sobre o ano 2030. Antes que os humanos, hai unha posibilidade de que as primeiras pisadas en Marte sexan de robots.
Por último comentarei a terraformación, que é o proceso, de momento teórico, de modificar a atmosfera e a temperatura, neste caso dun planeta, ata deixalo nas condicións adecuadas, para soster un ecosistema confortable para os seres vivos da Terra. A posibilidade de crear unha biosfera planetaria noutro planeta parecida á da Terra aínda precisa ser desenvolvida. Sería un proceso moi lento.
Marte é o candidato máis problable para as primeiras experiencias en terraformación, xa que é o planeta máis próximo e parecido á Terra. A NASA está estudando formas de quecer o planeta e de alterar a súa atmosfera coa tecnoloxía dispoñible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.